sábado, novembro 19, 2011

Baleiro.- Frantz Ferentz


Hoxe erguinme
baleiro.

É unha desas sensacións que se teñen
cando o corpo demite
e a alma claudica.

Entendo que é inútil
procurar illas virxes
ou paraísos soprados
esparexidos polo cuarto.
Non, ninguén
ía abandonar todo iso.

Hoxe erguinme sentindo
que unha parte dos vivos
me esquecera,
non sei se a mantenta
e que eu perdera
a rota até a memoria.
A memoria, ese río
que xacando me trazou as veas.

Contodo, porei
o reloxo no pulso,
collerei as chaves do cesto
e abrirei a porta da casa.
Se cadra, alguén terá descoidado
soñar a rúa alí fóra
e eu poderei aínda suspirar universos
eu só comigo
escadas abaixo
sen présas
que non teño rostro.

© Frantz Ferentz, 2011

Sem comentários: