sábado, novembro 23, 2013

NUNCA ESTIVEN EN IRLANDA



Nunca estiven en Irlanda.
Disque as bruxas de alá
sonche todas boas
ceiban o cabelo desde a costa
cando pasan as naves rumo a calquera parte.

E son belísimas,
tanto que as selvas dos seus cabelos
acariñan os mariñeiros
desde moi lonxe,
arrastrando farrapos doces de néboa.

Nunca estiven en Irlanda
para ouvir esas gaitas
que din que fan danzar de pracer aos desnamorados.
Disque os fillos dos druídas
aínda se alimentan de músicas entre a herba.

Nunca estiven en Irlanda,
nen sei se estarei.
Quizá porque as túas costas
teñen a maxia dos encontros á meianoite
cando aínda o sol non recea.
Ou porque nas pradarías do teu ventre
a brisa me dispe.

Nunca estiven en Irlanda
porque Irlanda non está en ti.

Xavier Frías Conde, Canto de Nedara, colección O Roibén. 2001

Este poema recítao moitas veces o meu amigo Rafa Yáñez, por iso quérollo dedicar. Non adoito pór no blogue poemas de libros tan antigos, mais este poema voltou por acaso e sen lle preguntar por que, póñoo hoxe aquí.

Sem comentários: